Thursday 02 de May de 2024

Medio Ambiente entrega o tanque de tormentas de Oleiros, a primeira das dúas obras que completarán o saneamento da ría


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, subliñou que a posta en marcha desta infraestrutura será crucial para a rexeneración da ría do Burgo e beneficiará aos veciños da Coruña e a súa contorna
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, entregou oficialmente esta mañá o obra do tanque de tormentas de Santa Cruz ao Concello de Oleiros, a primeira das dúas grandes obras pendentes para completar o Plan de Saneamento Local para a ría de A Coruña.

No acto de recepción e entrega do tanque de tormentas, Mato Otero subliñou que a finalización desta obra “é un paso firme para toda a comarca” xa que substitúe ao vello bombeo, no cal se descargaba toda a rede de saneamento de Santa Cruz, e co que se eliminan tres puntos de vertido localizados na praia.

Grazas a esta actuación, na que se investiron preto de 4 millóns de euros, a Xunta dá por pechada practicamente a planificación das grandes obras necesarias para dar por rematado o saneamento do Burgo. A única das infraestruturas previstas que queda pendente na ría é o sifón que permitirá optimizar o funcionamento dos bombeos do Temple e A Pasaxe, unha actuación na que se empezou a traballar en novembro de 2017 e cuxas obras, tal e como avanzou a conselleira, remataranse no vindeiro mes de outubro.

O orzamento mobilizado pola Consellería de Medio Ambiente para estas dúas grandes infraestruturas (o tanque de tormentas de Santa Cruz e o novo sifón na ría) supera en total os 6 millóns de euros e súmase ao esforzo orzamentario realizado polo Goberno galego para acadar o saneamento integral da ría do Burgo, cun investimento global de 100 millóns de euros nos últimos anos.

Este compromiso da Xunta ten repercutido xa na mellora do estado da ría, que como indicou a conselleira experimentou unha mellora nos últimos anos e seguirá facéndoo coa posta en marcha do tanque de tormentas e o inminente remate das obras do sifón, das que se beneficiarán os veciños da Coruña e a súa contorna.

En todo caso, Beatriz Mato incidiu en que o próximo obxectivo do Goberno galego é acadar a rexeneración definitiva da ría do Burgo. Un “reto” que, tal e como explicou, xa fora asumido polo anterior Goberno do Estado ao reservar para o inicio da actuación do dragado 24 millóns de euros, dos cales un millón estaba previsto no proxecto de orzamentos de 2018.

Neste sentido, Mato Otero lembrou que hai dúas semanas reuniuse co secretario de estado de Medio Ambiente, a quen lle trasladou a necesidade de que o Executivo central manteña os plans previstos para a ría do Burgo e inicie de forma inmediata a licitación do proxecto de dragado da ría do Burgo.

As obras
Os traballos do tanque de Santa Cruz, que comezaron a finais de abril de 2017 e remataron este verán, con dous meses de adianto respecto do cronograma previsto, consistiron na construción dunha nova estación de bombeo e impulsión de augas residuais cun tanque de tormentas de 1,10 metros cúbicos localizado no parque Luís Seoane.

Tamén se acometeu a modificación e mellora dos dous colectores xerais de saneamento existentes que vertían á estación de bombeo anterior. E unha vez executada a nova estación de bombeo e impulsión, procedeuse á demolición da vella infraestrutura e á reurbanización do parque, rematándoo cunha zona de xogos infantís.

Co novo tanque mellorarase substancialmente o sistema de saneamento de augas residuais do Concello de Oleiros, acabando cos problemas derivados da falta de capacidade hidráulica da rede.